Os tres partidos no Parlamento acordan esixir mellores accesos á Rede para o noso rural

venres, 28 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Mapa de La Voz de Galicia sobre as sombras de Internet na nosa terra

Hai moitas liñas que separan o ámbito urbano do rural, algunha delas invisibles e algunha delas feitas cunha longa fileira de díxitos. En realidade, o correcto sería dicir que en cuestión do acceso á Rede, a longa fileira de díxitos móvese máis rápido de cara ó eido das cidades, e no rural, agás en contadas excepcións, a capacidade de transmisión de datos é tan precaria que non chega nin para descargar un pdf. O caso é que se están a dar pasos dende determinados concellos e colectivos en colaboración con departamentos da Xunta (falamos sobre todo desta rede, ou tamén desta outra), pero se cadra fai falla máis unanimidade. Disto, de pechar fileiras, trata a proposta aprobada polo Parlamento de Galicia e da que está a falar estes días A Nosa Terra: unha iniciativa de consenso co fin de esixirlle ó Estado unha Internet rural digna que teña o mesmo prezo e condicións cá das cidades.
Máis polo miúdo, a proposta -aprobada polos tres partidos con presenza na Cámara-, fundaméntase nas seguintes esixencias conxuntas e comúns para o Goberno central:
· Que as aldeas e as vilas pequenas do rural teñan unha banda ampla en condicións antes de que remate este ano 2008.
· Que a velocidade de acceso sexa polo menos de un mega por segundo.
· Que o custo da conexión en espazos no urbanos non sexa máis caro (como acontece neste intre) có das cidades.
Cómpre sinalar que a iniciativa tivo a súa orixe nunha reclamación da que xa falamos nesta mesma web e que veu da man de Fernando Blanco Parga, voceiro de Industria e Novas Tecnoloxías do BNG, para quen é preciso facer o posible para que empresas de subministro de acceso á Rede como Teléfonica modifiquen os seus cálculos sobre o que se debe considerar ou non un núcleo poboacional cuberto, que para a dita operadora vén a ser un núcleo con banda larga para o 80% da poboación.

PUBLICIDADE