Os vehículos solares centran unha nova sesión dos Amigus Labs
xoves, 23 de maio do 2019
Este
vindeiro mes de xuño as argalleiras e argalleiros que queiran
avanzar nas súas capacidades e coñecementos van ter unha ocasión
ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus
Labs, os obradoiros maker que convocan regularmente os
integrantes da Asociación Amigus
en colaboración con Merca
nas Pontes. A cita será os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca
Profesional de Música das Pontes. Será a edición 19.2 dos Amigus
Labs. Avanzarase nos tres proxectos que levarán á comunidade Amigus
á cuarta Regata Solar que organiza Marine Instruments en Baiona o
vindeiro 22 de xuño.
Trátase
de tres proxectos abertos, realizados ao abeiro do Fab Lab de Amigus,
nos que calquera pode participar para fomentar a creatividade en
común e a colaboración. En todos eles empréganse software e
hardware libre ou de código aberto.
As
tarefas pendentes son as seguintes:
Por
unha banda, cómpre rematar a programación e configuración dun
banco de probas, para analizar de forma sinxela a eficiencia de
distintos motores e hélices e verificar cal achegará un meirande
rendemento. O prototipo desenvolveuse con dous Arduinos Nano,
sensores de IR e UV, un sensor de carga e un voltímetro mediante un
divisor de corrente. Os valores que se avaliaron nos Amigus Labs
previos foron en parte os empuxes que fornecen cada conxunto de
hélices e o motor en función de diferentes condicións de corrente
simuladas que se obteñen coa placa solar.
Outro
dos labores a retomar é a construción do barco solar, de novo
deseñado e impreso en 3D e que está xa nun avanzado estado de
desenvolvemento: restan uns derradeiros retoques de pintura no casco,
e falta engadirlle a electrónica e mecánica e comenzar as probas de
navegación no Lago das Pontes. Segundo informan dende Amigus, “este
ano o buque ten un deseño máis eficiente, baseámonos unha vez máis
no deseño dun trimarán con hydrofoil, que esperemos que nos
faga un excelente rendemento, tal e como fixo nas probas do
simulador”.
O
terceiro dos proxectos é un coche solar, que se está acabando de
imprimir en 3D, evitando botar man (no posíbel) de pezas comerciais.
Durante a Amigus Labs montaranse e deseñaranse as partes de hardware
e software libre para o control.
Tódalas
actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para
xantar de 14:00 a 16:00 o sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.