Padronvirtual estrea un foro en Internet

luns, 2 de maio do 2011 Raquel Noya

O portal comercial Padronvirtual.com, creado a finais do pasado ano para reunir nunha mesma web a tódalas empresas da comarca do Sar, vén de estrear na Rede un foro aberto á comunidade internauta para que deixen nel as mensaxes e comentarios que desexen facer públicos.
Seguindo a liña da páxina, este foro pretende servir como punto de encontro virtual no que levar a cabo operacións de compra-venda e intercambio de produtos; así como para deixar anuncios, novas e artigos de opinión de interese para os usuarios da web.
En xeral, en palabras dos seus creadores, esta sección “permitiralle aos clientes da Comarca do Sar e arredores participar activamente nos recursos que ofrece a web”.
O máis salientable desta ferramenta é que permite personalizar os perfís de maneira doada, e tamén engadir datos de interese que faciliten a interactividade con outros membros do foro.
Asemade, resulta de especial utilidade en caso de querer alugar ou vender un inmoble, ofrecer servizos na zona, poñer á venda artigos, publicar demandas de emprego ou buscar traballo, entre outras cousas.
O portal, que xa repartiu entre os seus usuarios diverso material tecnolóxico, vén de anunciar o sorteo dun netbook a finais deste mes de maio, no que poderán participar aquelas persoas que visiten a web e enchan un pequeno formulario que se achega.

PUBLICIDADE