Parallels Desktop 17 prepárase para os vindeiros sistemas operativos

martes, 10 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Co lanzamento dos novos equipos de Apple con procesador M1 díxose adeus á posibilidade de instalar BootCamp para poder alternar entre macOS e Windows no caso de precisar utilizar aplicacións para o sistema operativo de Microsoft, pero a virtualización dentro de macOS segue a ser posible, e Parallels Desktop 17 chega ao rescate dos usuarios cunha potente solución que permite executar aplicacións de Windows de xeito nativo en equipos Mac con M1.
Parallels Desktop 17 permite executar aplicacións para Windows 10 en equipos Mac baseados en Apple M1, estando esta versión optimizada para Windows 11 e macOS 12 Monterey, de xeito que xa se adianta ás vindeiras actualizacións dos sistemas operativos de Microsoft e Apple, aínda que o máis importante desta nova versión de Parallels Desktop son as súas melloras en velocidade e rendemento, especialmente nos xogos, xa que inclúe un novo controlador de pantalla mellorado que ofrece unha capacidade de resposta da interface de usuario de Windows máis fluída e unha reprodución de vídeo sincronizada.
En equipos con M1 destaca o feito de que Parallels Desktop 17 permite que Windows 10 recoñeza o estado da batería do Mac, o que permite aforrar enerxía cando a carga do equipo está baixa. Tamén inclúe chip TPM virtual para poder activar BitLocker e Secure Boot, e así contar cun contorno máis seguro.
O modo Coherence, que permite traballar con aplicacións de Windows e Mac en paralelo sen que chegue a verse o escritorio de Windows, tamén mellora, correndo as pantallas de apagado, actualización e inicio de sesión de Windows en fiestras, o que permite a súa minimización para manter a produtividade. Tamén é posible arrastrar contido entre Windows e Mac de xeito doado, e mellorouse a experiencia de uso con dispositivos USB.
Parallels Desktop 17 para Mac pode adquirirse por 99,99 euros, actualizarse dende unha versión anterior por 49,99 euros ou contratarse mediante subscrición por 79,99 euros/anos.

PUBLICIDADE