Parallels mellora a integración de Windows XP en Mac OS X permitindo incluso o uso de xogos en 3D

venres, 1 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Os novos ordenadores de Apple con procesadores Intel permiten empregar indistintamente Mac OS X e Windows XP mediante arranque dual, pero tamén se poden empregar simultaneamente os dous sistemas operativos valéndose de ferramentas de virtualización coma Parallels, que mellorou o seu sistema coa versión 3.0, que incorpora soporte de OpenGL e DirectX, ou sexa, que é capaz de executar xogos en 3D, de xeito que se racha coa tradicional barreira entre o Mac OS X e os xogos.
Ademais, Parallels Desktop 3.0 ten unha nova funcionalidade chamada SmartSelect, e que permite abrir calquera ficheiro tanto co OS X coma coa súa aplicación correspondente de Windows XP directamente no sistema operativo do Mac, ou sexa, que non hai que iniciar Windows XP antes desta operación, o que supón un avance importante na integración dos dous sistemas operativos.
Esta nova versión do Parallels Desktop está aínda na súa fase final de produción, agardándose o seu lanzamento final para as vindeiras semanas.