Partyfoz 2007 achega rede ininterrompida na Mariña a partir deste xoves 16
martes, 14 de agosto do 2007
Segue adiante o programa de encontros informáticos para a mocidade na nosa terra. Desta volta tócalle a quenda ó Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (Galite), que organiza entre 16 e o 19 de agosto unha nova edición da Partyfoz, a e-xuntanza das terras da Mariña, aberta a “todos aqueles seareiros da informática e da tecnoloxía que queiran pasar catro días de lecer dixital, divertimento e aprendizaxe”, en termos dos propios responsables do evento.
O encontro en liña, que xa vai pola súa terceira edición, xirará un ano máis arredor do emprego dos programas de software libre como ferramentas accesibles para a xuventude, de baixo custo e de calidade, amais de seren (e cada vez máis) o alicerce de novas oportunidades de negocio independentes. Polo que se refire ás novidades xa confirmadas, podemos citar as seguintes: torneos de Counter Strike, Pro Evolution Soccer 6, Need for Speed Carbono, Guitar Hero e Warhmmer 4k; amais de charlas e relatorios sobre software libre (GNU) e Asalto de redes WIFI.
Asemade, haberá actividades paralelas ó encontro informático, máis relacionadas co que se poida facer nos ratos de lecer lonxe do centro de operacións da party (que é o CEIP O Cantel, na rúa do Pintor Laxeiro de Foz) como por exemplo a posibilidade de participar na vida nocturna con descontos nos establecementos hostaleiros.
Os obxectivos de Galite (asociación que naceu a partir da primeira edición do encontro) é divulgar na medida do posible as vantaxes do emprego e do desenvolvemento do open source, sendo a Partyfoz un inmellorable altofalante. Galite tense posicionado en moitas ocasións a prol dos novos tipos abertos de licenzas “que tratan de afacerse a un mundo sempre cambiante”, sinalan na súa web. E engaden: “Rexeitamos con toda a forza que nos é posible a chantaxe do poderoso e dos ladróns; somos o que somos e defendemos o que cremos que é xusto”.
