Photoshop incrementa o seu nivel de personalización e optimiza o seu funcionamento en dispositivos táctiles

martes, 1 de decembro do 2015 Marcus Fernández

O paquete de aplicacións creativas de Adobe recibiu onte un bo número de novidades, que afectan especialmente ao Photoshop CC, aplicación que agora conta con barras de ferramentas e espazos de traballo personalizables, de xeito que o usuario pode ter un Photoshop á súa medida, podendo gardar varias configuracións de barras de ferramentas como compoñentes de espazos de traballo distintos. A popular aplicación tamén ofrece agora unha interface de usuario moderna en ordenadores sobremesa e dispositivos táctiles, ou sexa, que optimizouse para dispositivos como a tableta Surface Pro, que agora pode gozar dun novo conxunto de xestos que axilizan as tarefas habituais.
Outra interesante novidade é a posibilidade de introducir personaxes en 3D en deseños en 2D, para o que podemos comezar dun modelo creado na versión preliminar de Adobe Fuse CC, e despois aplicarlle posturas e animacións dende a área da versión preliminar de Creativa Cloud 3D animation (dispoñible no panel de Propiedades).
De cara á nube Adobe tamén está a incorporar novidades, especialmente no relativo ás Creative Cloud Libraries, bibliotecas que agora poden explorarse máis rápido, das que podemos arrastrar contidos directamente ao panel de Capas, engadir os nosos pinceis favoritos e incluso compartir as nosas bibliotecas cos demais.

Photoshop CC está agora mellor preparado para dispositivos con pantalla táctil, nos que podemos facer uso de xestos que axilizan o traballo coa aplicación