PlayStation Now iniciará as probas en España en febreiro

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Hai xa 5 anos Sony anunciou PlayStation Now, un servizo de xogo na nube a través de streaming que entre as súas bondades tiña o poder correr xogos de PlayStation 3 en PlayStation 4, así como poder gozar dos títulos das distintas plataformas en dispositivos como smartphones, tabletas, televisores e ordenadores persoais, pero cando engadiron xogos de PlayStation 4 á plataforma de streaming tamén mudaron de estratexia, limitando o servizo a consolas PS4 e ordenadores persoais.
Dado que estamos ante un tipo de servizo en liña que precisa dunha latencia reducidísima para funcionar satisfactoriamente, só está dispoñible nuns poucos territorios, e finalmente vai desenvolver a súa expansión europea, de xeito que en breve vai estar dispoñible en Portugal, Italia, Noruega, Dinamarca, Finlandia, Suecia e España, onde teremos dispoñible a posibilidade de gozar de máis de 600 xogos de PS4, PS3 e PS2 en remoto.
A data de lanzamento de PS Now en España comunicarase proximamente, e mentres os usuarios interesados poden darse de alta na beta do servizo, que botará a andará a primeiros de febreiro e permitirá así probar o servizo no noso territorio. O rexistro á beta de PS Now xa está aberto, aínda que polo momento só estará dispoñible para PS4, de xeito que os usuarios de PC terán que agardar un chisco máis para catar o servizo.

PUBLICIDADE