Pont-Up Store xunta en Pontevedra novas empresas con alto potencial de impacto

venres, 19 de setembro do 2025 Redacción

Esta mañá deu comezo en Pontevedra unha nova edición do encontro de emprendemento Pont-Up Store, que se prolongará ata mañá cun programa que integra 50 accións empresariais e máis de 20 actividades vinculadas ás tendencias e demandas actuais do ecosistema emprendedor.
No acto inaugural participaron Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor do Campus de Pontevedra da UVigo; Anabel Gulías Torreiro, concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra; David Regades Fernández, delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais; Arturo Ramírez González, presidente do Foro Empresa Pontevedra en representación das empresas patrocinadoras e entidades colaboradoras; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego, que afirmou que «non hai emprendementos sen innovación» e que «ano tras anos vemos como moitos deles nacen cunha forte vocación de internacionalización, que ligada á innovación constitúen o binomio cara o éxito» e son síntoma dun «país vivo, emprendedor, innovador e con visión global».
O director explicou tamén que «por primeira vez as candidaturas procedentes do rural e vilas superan as procedentes das grandes cidades sumando o 51 % do total, e increméntanse tamén os proxectos liderados ou coliderados por mulleres, que alcanzan case o 74 %» e engadiu que «hai iniciativas de todos os sectores, cunha importante base tecnolóxica, unha crecente incorporación de IA, moi ligadas o territorio e con fortes valores asentados na igualdade e a sustentabilidade, moitas delas orientadas ao benestar e saúde».
Ademais das propostas integradas na selección oficial, Figueroa referiuse aos seis proxectos que se presentarán na Demo Day INCUVI, a incubadora de empresas da Universidade de Vigo, así como ás 15 compañías en fase inicial que participarán no stand da Xunta de Galicia. Entre as temáticas do programa destacou a Ciberseguridade, da man de Datadefend Solucións e AEMPE; o emprendemento musical promovido pola Xunta; a consultoría sobre deseño de páxinas web que desenvolverá a Comunidade Wordpress Pontevedra; o espazo de Talenom para apoiar a implantación da factura electrónica; e as actividades en favor do cooperativismo como fórmula empresarial igualitaria, sostible e xeradora de emprego de calidade, impulsadas pola Unión de Cooperativas Galegas, Espazo Coop e a Rede Eusumo da Xunta de Galicia, coincidindo co Ano Internacional das Cooperativas declarado pola ONU para este 2025.

O Pont-Up Venture, canle de financiamento directo

Na súa intervención, Figueroa tamén puxo en valor a innovación dentro do propio evento, cun novo impulso ao Pont-Up Venture. A fórmula en formato talent business, que xa dera bos resultados na edición anterior, medra este ano para acoller oito proxectos que presentarán as súas ideas de negocio na procura de financiamento. Contarán con tres minutos para convencer un xurado integrado por Luis Taboada, CEO da tecnolóxica Qbitia; Olimpia Carabel, directora de investimentos en Faraday Venture Partners; Jorge Leiro, xestor en Torsa Capital e no fondo Lugo Transforma; Carmen Pumariño, xestora do fondo de impacto de Zubi Capital; e Jorge González, analista de novas oportunidades de investimento en Netaccede.
As iniciativas seleccionadas son Agrolistik, definido como o Uber dos tractores; Serenia, asistente virtual galega para o coidado e entretemento de persoas maiores; PROA2 Care, leite con propiedades similares ao materno desenvolvido a partir de dúas razas de vacún; unha ferramenta de xestión para hostalaría con IA e sistema contra reservas pantasma, creada por Masel; un software para empresas do sector do hidróxeno e combustibles renovables de digHy; a tecnoloxía UAS de Luxsit Pharus, que permite espectáculos de luces con drons seguros e sostibles; e dúas firmas de cosmética: Chorima Cosmética Atlántica, con coidados sensoriais, e Blue Silk Cosmetics, coa primeira liña termal para animais. O proxecto mellor valorado recibirá unha achega económica, o acceso ao programa Perks de Google e a entrada preferente na incubadora ViaGalicia da Zona Franca.
O Pont-Up Store recupera tamén a actividade 10 minutos de Gloria, na que se darán a coñecer o asistente virtual Serenia e a plataforma Gastrovisual, deseñada para converter a carta dun restaurante nun menú interactivo en vídeo que mostra a calidade, os ingredientes e o proceso de elaboración.