Pontevedra acolle esta semana unha nova edición dos Ecommerce Days

martes, 7 de outubro do 2025 Redacción

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na convocatoria de prensa de presentación da cuarta edición dos Ecommerce Days, unhas xornadas dedicadas ao comercio electrónico e ao márketing dixital organizadas polo Clúster do Ecommerce Galego e pola plataforma Marketing4eCommerce, que se celebrarán en Pontevedra os días 9 e 10 de outubro co apoio da Xunta de Galicia.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández destacou a importancia desta iniciativa para fortalecer o ecosistema emprendedor galego e favorecer a conexión entre emprendedores, marcas e axencias do sector. Segundo indicou, encontros como os Ecommerce Days contribúen a que Galicia siga avanzando cara a un modelo económico innovador e plenamente orientado á dixitalización.
O secretario xeral lembrou tamén que, dentro do compromiso da Xunta coa competitividade e co impulso ao emprendemento, está en marcha a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce. Este programa, desenvolvido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego ao abeiro da Rede de Polos de Emprendemento, ofrece ás persoas participantes formación e mentorización especializadas en comercio electrónico, con obradoiros prácticos, seguimento personalizado e sesións formativas impartidas por profesionais do sector, co obxectivo de lanzar, xestionar e consolidar con éxito os seus negocios en liña.