Pontevedra acolle este xoves 10 a xuntanza I+C sobre o desafío da cultura galega na Rede

mércores, 9 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Cara a onde vai Internet? Cara a onde vai o galego? Temos posibilidades de preservar a lingua a través das redes e de preservar a riqueza da Rede a través da lingua? Para tratar de responder a estas e a outras preguntas (cada pregunta xa leva nela mesma o xermolo de outra, e así sucesivamente), o Consello da Cultura Galega (CCG) e as Consellerías de Innovación e Cultura organizarán a xornada I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet, actividade feita á medida dos profesionais da creación na nosa terra, pero encamiñada tamén a informar a toda a cidadanía das posibilidades da Rede para a posta en marcha de industrias culturais.
Segundo apuntan os organizadores da xuntanza (que se vai desenvolver este xoves 10 a partir das 17.30 no eido do Cultur.gal, no Pazo de Congresos de Pontevedra), esta pode ser unha boa maneira de afondar nos cambios constantes ós que está sometida (someténdonos tamén a nós) a Sociedade do Coñecemento, cambios que se cadra non somos quen de enxergar por estar precisamente vivindo dentro dese “pais da Rede” e que apuntarían, case todos eles, a un proceso de democratización na comunicación.
Expertos cunha longa traxectoria de comunicación e acción no contexto dixital achegarán a súa experiencia desde diferentes ámbitos, como patrimonio, industria e empresa, creación ou activismo social. Amais, no marco da reunión será presentado un traballo colectivo co mesmo nome cá xornada, feito por internautas galegos e que poderá ser descargado libremente da Rede (tamén será editado en papel).
Segundo informa a Consellería de Cultura, I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet consiste nunha xornada de debate e reflexión e unha publicación complementaria, “que permitirán coñecer de primeira man iniciativas de dixitalización cultural en Galiza a través dos seus creadores e buscará avanzar en que dirección se está a mover Internet desde o punto de vista da creación cultural e os movementos sociais vinculados á cultura”.
A iniciativa é froito da colaboración entre o Consello da Cultura Galega, a través do seu portal culturagalega.org, o programa +Internet + Galego +Futuro.
Os participantes do encontro
Chus Martínez, do Proxecto Edición, que está a dixitalizar a obra dos artistas contemporáneos galegos, Antonio Reigosa, que xestiona Galicia Encantada, a principal web galega relacionada co noso patrimonio inmaterial, ou Pedro Saco, especialista na creación de contornos virtuais e responsable da dixitalización do casco histórico de Santiago de Compostela. Posteriormente, Luís Hernández, un dos organizadores do Festival Mundos Dixitais da cidade da Coruña avanzará nas claves do entretemento dixital no futuro, Manuel Gago, de culturagalega.org, reflexionará sobre o futuro dos produtos culturais na web e Carlos Santiago reflexionará sobre as posibilidades de Internet no ámbito dos movementos sociais.
A xornada culminará cunha entrevista que o editor Víctor F. Freixanes lle realizará a Francis Pisani na sala coa participación dos asistentes. Pisani é un dos comunicadores e consultores máis recoñecido da Internet actual. Profesor das Universidades de Berkeley e Stanford, e columnista semanal dos diarios Le Monde (Francia), El País (España) e Reforma (México).

PUBLICIDADE