Porto acolle un Encontro de blogueiros de Galicia e Portugal

venres, 13 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Entre os días 13 e 14 de outubro celébrase en Porto a 3º Encontro Nacional e 1º Encontro Luso-Galaico sobre Weblogs, onde se xuntan investigadores, usuarios e interesados no mundo dos blogs, de xeito que se busca fomentar e desenvolver unha comunidade de reflexión e investigación nesta área.
O evento está organizado por Catuxa Seoane, Fernando Zamith, José Luis Orihuela, Luís Carvalho e Sérgio Nunes, e pódese seguir na Internet a través dun blog actualizado constantemente, comezando pola apertura do encontro formalizada polos profesores José Azevedo e Fernando Zamith, que xa incidiron na necesidade de atopar un organizador para a 4ª edición deste certame.
Apertura do EncontroA Sesión A do Encontro tratou o uso dos weblogs na escola, recoñecendo a valía dos blogs como ferramentas educativas eficaces, que melloran as relacións entre as persoas e a dinámica do traballo en grupo aumentando tamén os coñecementos tecnolóxicos.
A Sesión B abordou o tema da relación entre os blogs e a sociedade, destacando temas como o uso dos blogs para a participación cidadá, a política nos blogs, a transformación das bitácoras en novos actores sociais e mesmo a creación de comunidades de blogs.
A Sesión C incidiu na importancia dos blogs na educación, xa que as bitácoras poden servir como método de establecer unha escolaridade virtual, tanto na escola como na universidade.
As 3 sesións do encontro completáronse con 2 presentacións convidadas por parte de José Luis Orihuela e Manuel Pinto.
José Luis OrihuelaOrihuela, pola súa banda, sostivo que o fenómeno dos blogs non vai morrer en 2006, pois considera que as cousas non poden volver a ser coma antes, xa che achegaron unha ferramenta de comunicación moi importante ás persoas comúns, de xeito que para facer chegar unha mensaxe a todo o mundo non é preciso ser un medio de comunicación de masas, e os internautas continuarán a ter interese por este tipo de posibilidades. Tamén comentou temas de actualidade coma os splogs, a credibilidade da blogosfera en dúbida ou a canibalización por parte doutros medios.
José Luis Orihuela non tamén aproveitou a ocasión para propor un decálogo para os novos blogueiros:
1. Comeza a ler blogs
2. Experimenta varias ferramentas
3. Escolle un tema concreto
4. Coida a escritura (un blog non é unha mensaxe SMS)
5. Fai ligazóns ás fontes
6. Esquece as estatísticas e comentarios
7. Agarda o tempo suficiente para promocionar o blog (hai que procurar ter antes contidos interesantes para merecer as ligazóns)
8. Participa na blogosfera comentando o traballo doutros blogueiros
9. Lembra que o blog é público, polo que hai que coidar a súa calidade
10. Divírtete
É máis, o divertimento é unha das chaves que con máis forza sostén Orihuela, pois considera que “é esencial no traballo e na vida”.
Manuel PintoPola súa banda, o profesor Manuel Pinto quixo destacar na súa intervención que “os weblogs non son xornalismo, aínda que si hai relacións entre os dous eidos, e así tamén é como nace o xornalismo cidadán, que aínda non ten o mesmo peso que o xornalismo tradicional (véndose coma un subproduto ou unha mera curiosidade).
Pinto considera que os cidadáns atenden a motivacións civico-políticas, tecnolóxicas e de natureza mediática para subir ó carro do xornalismo cidadán, pero iso non substitúe ó xornalismo, sendo tal figura precisa para transformar as valoracións persoais e construíndo unha información de calidade.
Temos así que o Encontro sementa moitos temas de reflexión para os interesados no fenómeno dos blogs e o seu futuro, que seguro que darán moito que falar durante as xornadas e nos propios blogs dos participantes.