Premiado en Xixón o disco duro externo My Passport Elite de WD

mércores, 11 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Para quen ande esculcando na maré de dispositivos de amoreamento de información á procura de algo que lle sente coma unha luva e tendo en conta o moito do que se fala e cantidade de mentiras que se contan (igual ca en calquera outro sector, en definitiva), se cadra guiarse polos recoñecementos da industria e/ou dos usuarios sería un bo xeito de poñer orde nos datos. Con independencia de que procurar hoxe entre tanta información un disco duro encamiñado a albergar outro tanto de información sexa como pescar con cana outra cana, o certo é que sempre hai quen bota unha man (aínda que haxa, de xeito inevitable, un aquel de interese pola súa porta).
Enleadas aparte, de entre todos os discos duros externos do mercado español é se cadra o My Passport Elite de Western Digital o que máis está de noraboa estes días. Precisamente, por terse imposto nos galardóns MedPi Iberia 2008 como o mellor dos dispoñibles no mercado.
Segundo os convocantes e máis o xurado deste certame e feira (que se dedica á complicada tarefa de salientar o mellor desenvolvido e o máis práctico dun universo, o da informática, que muda cada segundo), o dispositivo de Western é especialmente útil, cómodo de levar e converxente. De feito, ten un peso lixeiro (inferior aos 150 gramos) que o fai doado para carretar nos petos, está dispoñible nas capacidades de 320 e 250 xigas e inclúe software de sincronización e encriptación e de copia de seguridade e acceso remoto, característica que foi unha das chaves á hora de ter recibido o devandito premio.
O My Passport Elite está feito para levar dun recanto a outro milleiros de cancións, vídeos ou imaxes.