Premiere Pro soporta oficialmente os M1 de Apple

mércores, 21 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A versión 15.4 do software de edición de vídeo Premiere Pro xa está aquí, actualización que inclúe numerosas novidades relativas á transcrición de voz a texto (facilitando a creación automática de subtítulos), intercambio automático de dispositivos de audio, melloras no tratamento de cor, unha detección de escenas máis rápida e, moi especialmente, a estrea oficial do soporte dos procesadores M1 de Apple, o que supón que nos novos Mac o Premiere Pro corre preto dun 80% máis rápido, ao tirar proveito das vantaxes deste novo hardware.
Os usuarios seguen a contar coa opción de instalar Premiere Pro tirando proveito do modo de emulación Rosetta2 se o que precisan é unha compatibilidade completa da aplicación, pois a versión nativa para M1 conta con certas limitacións, como a imposibilidade de empregar certos dispositivos de captura, de importar certos formatos (como XDCAMEX) ou de exportar en formato P2. Tamén hai plug-ins que aínda non son compatibles con M1, polo que dependerá de cada escenario elixir entre correr Premiere Pro con alta compatibilidade ou con alto rendemento.

PUBLICIDADE