Presentación da Semana da Ciencia no Café Casino de Santiago
luns, 3 de novembro do 2008
Mañá martes, día 4 de novembro ás 12:30 horas,
terá lugar, no Café Casino de Santiago de Compostela, a presentación da Semana
da Ciencia 2008, un evento de carácter europeo que reunirá na capital
galega a numerosas entidades públicas e privadas relacionadas coas ciencias e a
tecnoloxía, que lle amosarán á cidadanía a utilidade das mesmas para a súa vida
cotiá.
Este ano, a Semana da Ciencia, que celebra xa a súa oitava edición, desenvolverase
do 10 ao 23 de novembro e terá como principal obxectivo “involucrar á cidadanía na ciencia e na tecnoloxía de xeito ameno e
accesible”. Para elo, durante os días da celebración do evento, numerosas
entidades tales como universidades, centros tecnolóxicos e empresas, abrirán as
súas portas e organizarán todo tipo de actividades de divulgación para o
público, mostrando todo o relacionado coa ciencia, dende os elementos máis
simples aos máis sofisticados.
No acto de presentación, Xesús Ron, compoñente
do grupo de teatro Chévere, aproveitará para presentar tamén a actividade
principal organizada pola Dirección Xeral de I+D+i para a Semana da Ciencia 2008: o Cabaré Científico S.O.S Planeta Terra, e a súa xira polas cidades galegas.
Dado que o presente 2008 foi declarado Ano
Internacional do Planeta Terra pola Unesco, a Semana da Ciencia dedicará este
ano especial atención a esta temática.
