Presentan Omemo, un disco duro virtual baseado en tecnoloxía P2P

luns, 9 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A tecnoloxía P2P non deixa de presentar novos usos que van dende a VoIP ata a televisión por Internet, e agora unha empresa española crea un disco duro virtual que funciona co programa Omemo e permite o seu uso coma se estivese nunha unidade de disco do propio ordenador, pero compartíndose os contidos (e os espazo de disco libre no noso propio equipo) de xeito anónimo e seguro.
David Soto, un dos creadores deste programa (e recoñecido autor de aplicacións P2P coma Blubster), presentouno o pasado venres, e destacou que Omemo é o programa de intercambio máis anónimo e refractario á censura que existe, o que o converte tamén unha interesante ferramenta para o exercicio da liberdade de expresión.
Para evitar contidos impropios neste disco duro virtual, Omemo contará cun sistema de valoracións que funciona coas contribucións dos usuarios no máis puro estilo da Web 2.0, de xeito que os usuarios do sistema tamén van acadando un certo peso (marxinando ós que compartan lixo).
Este revolucionario sistema de compartir ficheiros está en fase de probas e funciona para o sistema operativo de Microsoft, agardando que mediante a comunidade de usuarios se adapte a Mac OS X e Linux, pois o seu código está aberto.