Prevese rematar a rodaxe de O Apóstolo esta semana

martes, 18 de maio do 2010 Raquel Noya

Ao longo dos últimos meses, un equipo de máis de 70 persoas leva traballando a reo no estudo da produtora santiaguesa Artefacto Producciones, para rematar a tempo a que será a primeira película de animación stop motion estereoscópica do noso país e de toda Europa: O Apóstolo, un film de animación do laureado Fernando Cortizo que recrea o Camiño de Santiago dun xeito moi orixinal e creativo.
Técnicos chegados de todo o mundo, e con experiencia en films como Matrix, A moza cadáver, Os mundos de Coraline ou Regreso ao futuro, aunaron a súa experiencia e esforzo nesta historia de terror, fantasía e suspense vinculada a algo tan actual como é o Ano Santo e as peregrinacións ata a capital galega para darlle unha aperta ao Apóstolo.
A cinta está protagonizada por actores como Carlos Blanco, Jorge Sanz, Paul Naschy, Jose Manuel Oliveira “Pico”, Celso Bugallo, Luis Tosar, Atilano Franco, Isabel Blanco, Manuel Manquiña, Víctor Mosqueira, Pedro Alonso e Jacobo Rey, entre outros; e conta coa colaboración especial de Geraldine Chaplin no papel de Dosinda, unha anciá da aldea que acolle na súa pensión ao hóspede protagonista do film: Ramón.
Todos eles, segundo veñen de informar dende a produtora, “foron recreados en foam látex, tratando de imprimir nos bonecos os rasgos máis característicos e identificativos dos propios actores”.
O resultado final poderémolo ver o vindeiro 17 de xullo no Auditorio de Galicia, día da súa estrea e data na que está prevista que a Real Filarmonía de Galicia interprete en directo a B.S.O da película.
Por outra banda, para as persoas que non teñan a oportunidade de ver a premiere, a súa chegada aos cines galegos será a finais do verán.

PUBLICIDADE