Primeiro Congreso Ibérico Grid: en Santiago, entre o 14 e o 16 de maio

mércores, 9 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía Grid e as súas posibilidades como rede de redes para os científicos do mundo será o alicerce da primeira edición do Congreso Ibérico GRID que se vai celebrar en Santiago de Compostela entre o 14 e o 16 de maio, organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O dito encontro, no que se van dar cita investigadores da Península e tamén de Latinoamérica (compartindo experiencias e coñecemento), tamén servirá para poñer en marcha unha rede conxunta hispano-portuguesa. Isto ten o seu xermolo no pasado 25 de novembro de 2006, nun acordo entre os presidentes de ámbolos gobernos que, entre outras actuacións encamiñadas a habilitar espazos comúns de investigación, acórdase a creación dun Grid compartido, amais da organización da devandita xuntanza. Para máis información, cómpre visitar a páxina habilitada polo CESGA: www.ibergrid.eu.
As actividades desenvolveranse no Palacio de Congresos de Galicia, e contarán (entre outros persoeiros da computación e da I+D) coa presenza de Ian Foster, do Argonne National Laboratory; Paula Eerola, especialista en física experimental da enerxía da Universidade de Lund (Suecia) ou Ignacio Martín Llorente, profesor e investigador de arquitecturas Grid na Universidade Complutense de Madrid.
Chaves para entender a computación Grid
O do Grid é un mundo que imos coñecendo por partes. O que queda aínda por descubrir del é moitísimo máis do que xa se descubriu, tales son as súas posibilidades. Así, temos entre mans un gran iceberg do que só aboia por riba da superficie unha pequena puntiña. A raizame do Grid non está nos grandes investimentos en supercomputación ou mesmo na creación de máis ordenadores, senón máis ben en aproveitar e optimizar os que xa existen, sen sequera deixar fóra de xogo ós computadores de toda a vida que xa estamos a piques de relegar ó esquecemento. Un sistema Grid ben engraxado viría a ser algo así como o traballo social en colectividade (comunas, bancos de tempo) aplicado ó eido dos ordenadores. Todo o mundo ten algo que achegar, tódalas mans son valiosas.
A finalidade deste traballo compartido é resolver en menos tempo e con maior eficacia problemas que requiren importantes operacións de cálculo. Por exemplo: a loita contra o cambio climático, a previsión de catástrofes (sobre todo asolagamentos, que é no que se está a traballar moito), o descubrimento de novos fármacos.
Tanto para centros de investigación como para institucións e como para empresas, o Grid significa aforro e volta do investimento. Probablemente, teñamos que remitirnos a un exemplo xa comentado neste medio para entendérmolo ben. Este exemplo parte do seguinte alicerce: a rede interna dunha universidade calquera de certa envergadura. Para todas aquelas operacións de cálculo que se precisan (que poden chegar a ser moitas), ben se poderían aproveitar eses intres de calma dos seus computadores. Isto podería ter unha consecuencia: non lle sería preciso á universidade mercar un supercomputador. Nisto basicamente consiste o devandito aforro a longo prazo: nesa miúda revolución dos recursos que xa tiñamos ó noso carón e nos que non reparáramos.
O Grid achega unha manchea de vantaxes para as empresas, sobre todo para as de maior tamaño, e tamén para as institucións e os centros de I+D: pódese aplicar este sistema de aproveitamento dos recursos para a xestión de nóminas a finais de mes ou á creación de efectos especiais para películas, por poñer uns exemplos collidos ó voo.
Existen estruturas Grid de cálculo e de datos, e estes últimos, no canto de distribuír cálculo, distribúen datos, operando igual ca un disco duro de grandes dimensións, non, de grandísimas dimensións. Téndese a identificar Grid con computación, pero non ten porque ser sempre así.
Galiza comezou a traballar nestas redes de tratamento de datos e cálculos en 1999, tres anos despois de que se comezaran a levar á práctica e de xeito masivo en Estados Unidos. Europa é neste intre líder no emprego destas novas infraestruturas, nas que o software libre xoga un papel fundamental (permite máis interoperatividade).

PUBLICIDADE