Profesionais do máis punteiro da automatización compartirán as súas experiencias en Vigo no eido das JAI 2007
martes, 23 de outubro do 2007
Por debaixo de todo congreso, seminario ou encontro de calquera índole, atópase case sempre a idea de establecer ligazóns e fomentar a participación activa, algo así como convocar a diferentes axentes para facer da vida cotiá unha versión 2.0 de colaboración. As III Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI 2007), que se celebran do 26 ó 30 do mes de novembro en Vigo, participan plenamente disto. O obxectivo principal é afianzar con nós fortes as relacións entre catro elementos base, cada un deles imprescindible e todos achegando unha raizame que se toca:
· Novas tecnoloxías da automatización industrial
· Profesionais do sector das solucións industriais
· Alumnos do eido universitario ou da Formación Profesional
· Investigadores e docentes
Polo tanto, unha definición máis axeitada da finalidade destes encontros tería que tocar, por forza, ós devanditos catro elementos. Ou sexa, do que se trata é de xuntar ós profesionais e á comunidade estudantil para que compartan experiencias arredor do que significan as novas tecnoloxías da automatización, favorecéndose os primeiros do pulo creativo dos alumnos e estes da exposición de casos prácticos do eido empresarial.
As JAI, organizadas polo Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo, vanse celebrar desta volta no Auditorio do Centro Social Caixanova da dita cidade. Trátase duns encontros moi especializados, que dan cabida sobre todo a técnicos profesionais de produto fabricantes de solucións industriais e dirixidos principalmente a “contribuír á difusión formativa e informativa das máis innovadoras tecnoloxías”, segundo apunta a organización. Neste senso, non é casual que o programa conte coa participación de empresas de renome mundial no eido da Investigación e o Desenvolvemento, firmas como Fanuc Robotics (Xapón), Microsoft, National Instruments, Imatia, Phoenix Contact, Rexroth, Rockwell Automation, Schneider Electric ou Siemens. Cómpre sinalar que todas estas compañías, alén das súas diferenzas lóxicas, teñen en común o ter afrontado de semellante maneira os retos da globalización e da competitividade máis feroz: apostando polas técnicas de automatización industrial máis avanzadas, téndoas sempre en conta e tentando melloralas de xeito continuado, sinala o equipo responsable das JAI. Para este, as ditas tecnoloxías son o “factor diferencial grazas ó que as firmas dos países máis modernos poden distinguirse”.
Encontros (tamén) para a lusofonía e Iberoamérica, presenciais ou en liña
As xornadas, que non se limitan a achegar contidos, experiencias e oportunidade de traballo á comunidade educativa galega senón tamén á de Portugal e a de Iberoamérica, non só se desenvolverán de xeito presencial. De feito, a organización volverá a contar coa axuda da Televisión Universitaria (www.uvigo.tv) a prol de cubrir a participación dos alumnos nas xornadas no caso de que non lles sexa posible acudir en persoa. Así, co fin de garantir o “máximo seguimento nacional e internacional” retransmitiranse en vivo e a través da Canle 1 os diferentes relatorios que se celebren nos salóns de actos dos centros docentes da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que así o desexen. Porén, calquera institución educativa de Iberoamerica poderá participar na retransmisión, sendo o único requisito que se pide unha conexión con amplitude de banda abonda ó servidor principal da Televisión Universitaria.
A maiores e con posterioridade á celebración das xornadas, a organización das JAI vai poñer na Internet e ó alcance da man da comunidade educativa a listaxe completa de relatorios “á carta”. Isto vai ser posible en calquera intre mediante tecnoloxías de Video On Demand, accedendo ós contidos deste evento almacenados no servidor da devandita canle de televisión. Sexa como sexa, o interese dos responsables do evento por rexistrar as actividades e dalas a coñecer ó mundo tirando partido das tecnoloxías da información non se limita ó devandito, senón que se completa cun proxecto de DVD recompilatorio que abranguerá vídeos de cada intervención amais da documentación achegada por cada un dos relatores. A idea é repartir esta escolma das JAI nos centros docentes de Galiza e do Norte de Portugal, así como de España e Iberoamérica.
Segundo informa Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática, o control da asistencia presencial ás intervencións no auditorio que Caixanova ten habilitado na rúa Policarpo Sanz de Vigo será responsabilidade dunha empresa especializada. En base a isto, a Universidade distribuirá certificados acreditativos de asistencia para os alumnos que se inscriban nas xornadas na súa aplicación virtual de xestión de cursos Bubela e asista con regularidade (indo alén do 80% da asistencia) ós relatorios do programa.
Na imaxe, unha intervención da primeira convocatoria das xornadas.
