PuntoGal participará na 63ª xuntanza de ICANN

venres, 19 de outubro do 2018 Redacción

A Asociación PuntoGal acudirá ao vindeiro encontro de ICANN, evento que terá lugar entre os días 20 e 25 do presente mes en Barcelona e que se celebra en España por primeira vez. Entre as accións programadas pola asociación figura a reunión anual que os dominios .eus, .cat e .gal manteñen cos rexistradores cos que traballan habitualmente, onde se presentarán as accións a desenvolver no vindeiro ano. Esta xuntanza celebrarase o venres, día 26, como peche das actividades en Barcelona. O ano pasado esta sesión foi organizada por PuntoGal en Santiago de Compostela.
Igualmente, os representantes do dominio participarán durante a semana na reunión do Grupo dos GeoTLDs, do que o dominio .gal forma parte. O grupo é unha organización internacional sen ánimo de grupo que representa os intereses dos dominios de primeiro nivel xeográficos que identifican a unha cidade, rexión, lingua ou cultura.
A ICANN, o organismo que regula Internet a nivel mundial, escolleu o Centro de Convencións Internacional de Barcelona (CCIB) para a súa reunión central do ano, na que se abordarán diversos temas que afectan á gobernanza da rede. PuntoGal contará cun expositor compartido con outros dominios onde se informará sobre o dominio que representa á comunidade galega na rede, o .gal, ademais de tomar parte en distintas reunións con empresas e entidades do sector. Para a ocasión, o dominio realizou distinto material promocional, que lle será entregado aos asistentes ao congreso.
ICANN celebra reunións internacionais tres veces cada ano en distintos lugares do mundo cunha duración de cinco días e varias sesións previas preparativas. A xuntanza, que é de acceso libre unha vez feito o rexistro, inclúe grupos de traballo, foros abertos e reunións de traballo arredor do desenvolvemento da Internet. O encontro, auspiciado polo Ministerio de Economía e Red.es, pode seguirse remotamente vía streaming.

PUBLICIDADE