R, recoñecida co Premio LAUS 08 na categoría de deseño gráfico

venres, 23 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar de recoñecementos a empresas galegas, logo de dar conta nesta mesma web do acontecido onte na gala dos Premios Eganet 2008. Desta volta toca falar doutros galardóns e doutros eidos. Concretamente do Premio LAUS 08 que concede cada ano a Asociación de Directores de Arte e Deseñadores Gráficos (ADG-FAD), entidade catalá que traballa polo recoñecemento dos profesionais do sector e dos froitos agromados do seu traballo (en boa medida a través deste certame, considerado un dos máis prestixiosos de España no seu eido).
O caso é que o galardón deste ano na categoría de deseño gráfico foi dar a mans do operador galego R, que foi elixido finalmente entre 1.400 propostas escolmadas.
O recoñecemento, máis polo miúdo, veu motivado pola obra R, esta é a nosa historia, que resume os primeiros oito anos de vida compañía galega. O premio, que foi entregado no Teatro Lliure de Barcelona (xunto cos outros restantes galardóns encamiñados a valorar o deseño gráfico que se fai dende e/ou para o ámbito español), recaeu noutros anos en compañías e en entidades como Audi, MTV, Camper, Coca-Cola, Unicef ou Amnistía Internacional.

PUBLICIDADE