Rapaciñ@s chega á súa terceira edición o 6 de maio

martes, 18 de abril do 2017 Redacción

A Cidade da Cultura acollerá o sábado 6 de maio a terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). É un evento familiar que combina actividades para pais e nenos ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías.
A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, comezará ás 16:30 horas coa recepción aos asistentes aos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres contan co apoio das empresas Arkitas Robótica e Tech Academy.
Cómpre levar ordenador para participar nos obradoiros e inscribirse previamente a través de Eventbrite.

Darlle unha volta ás clases

Namentres se desenvolven os talleres tecnolóxicos, os pais e nais terán a oportunidade de asistir á charla Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases, a cargo de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. A presentación do relatorio arrincará ás 17:30 horas. O acceso á conferencia será libre até completar aforo.
Unicoos é unha páxina web baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios. Con máis de 100 millóns de visitas e máis de 670.000 subscritores é a segunda canle educativa en español en todo o mundo en número de subscritores e a terceira en número de visitas. En Unicoos.com, academia en liña baseada nos vídeos, alumnado de todo o mundo dispón de balde de todo o que precisan para estudar: vídeos, teoría, exercicios resoltos, foros en liña en tempo real e exames de autoavaliación. É, ademais, unha útil ferramenta para que o profesorado cun marcado carácter practique flipped classroom.

PUBLICIDADE