Red Innova xunta en Madrid a grandes figuras da Internet

mércores, 17 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Entre hoxe e mañá celébrase no Teatro Circo Price de Madrid o evento Red Innova, que pretende ser un cumio iberoamericano de expertos en innovación, Internet e novos negocios, no que participan numerosos líderes de opinión, empresarios, académicos, institucións, medios e investidores e que tamén pode seguirse en directo a través da Internet (aínda que con bastantes dificultades).
Neste ambicioso proxecto participan figuras coma Martín Varsavsky (FON), Yosssi Vardi (International Technologies), Koro Castellano (ElMundo.es), Morten Lund, Enrique Dans (Instituto de Empresa), Sebastián Muriel (Red.es), Tariq Krim (Netvibes), Eduardo Arcos (Hipertextual), Loïc Le Meur (Seesmic), Dina Kaplan (Blip.tv), Jesús Encinar (Idealista.com) e moitos outros persoeiros no mundo das TIC.
Os distintos relatorios e mesas redondas que terán lugar durante as xornadas tratarán temas como a innovación, a mobilidade, o vídeo en liña, o capital risco, o marketing na Rede, as redes sociais, a cloud computing, o enfrontamento entre os medios tradicionais e os novos medios, os xogos na Internet ou a relación entre a Internet e o Goberno.
O evento busca converterse nun referente internacional coma outros encontros que teñen lugar en San Francisco, Londres ou París, e durante estes días agárdase que acaden moita visibilidade da Rede, xa que moitos dos asistentes están a dar boa conta do mesmo.