Remix OS Player permite correr xogos de Android baixo Windows

xoves, 15 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Este anos Remix OS conseguiu gañar moita relevancia polo seu orixinal xeito de adaptar Android para o seu uso en ordenadores persoais, pero para os usuarios que queiran empregar aplicacións (especialmente xogos) de Android baixo Windows estrean agora unha versión deste sistema que funciona como un emulador de Android que podemos descargar de balde e que responde ao nome de Remix OS Player.
Esta solución optimizada para permitir correr xogos de Android nun ordenador persoal, destacando polo feito de que permite abrir varios xogos á vez (o que agradecerán os usuarios que están enganchados a certos xogos de ritmo pausado, de xeito que poden simultanear varias aplicacións, e todo sen saír de Windows.
Tamén cómpre salientar que Remix OS Player está baseado en Android 6.0, polo que sería un dos emuladores de Android máis actualizados, precisando para funcionar como mínimo un equipo con Windows 7 de 64 bits, procesador Intel Core i3 (aínda que recoméndase un i5 ou un i7), 4 GB de RAM, 8 GB de espazo de disco libre e a tecnoloxía de virtualización activada na BIOS.

Vídeo de presentación de Remix OS Player