Rock sinfónico e software libre a esgalla para abrir a nova edición da Campus Party

luns, 16 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

En cuestión de encontros vinculados ó manexo dun ordenador falar dunha xuntanza con once anos de “vida” é probablemente falar dunha experiencia máis que consagrada. Neste senso, a Campus Party en España ben podería ás reunións informáticas o que o Festival de Donostia é o cinema, o de Araba é o jazz ou os Sanfermíns ó maltrato animal. Ademais, contando coa vantaxe de que nada hai que mude tan rápido como a tecnoloxía. Ou sexa: non é o mesmo ficar rexo en cuestión de vodas e funerais (onde nada semella ter cambiado moito nos últimos anos) que facelo na corrente brava da tecnoloxía. E todo iso, tendo tamén en conta que ó longo desta década probablemente houbo tantas sombras como luces, ou se cadra máis das primeiras ca das segundas, como soe acontecer en calquera evento que se fai maior e se institucionaliza ou se corporativiza.
A nova edición da Campus Party comeza este día 23, a medianoite, co xa “tradicional” acendido multitudinario de ordenadores e acompañado do certame Video Games Live, un concerto sinfónico de rock na Cidade das Artes e das Ciencias programado para as 22.00 horas e que servirá para facer repaso das cancións de máis éxito xurdidas ó abeiro dos videoxogos.
Un ano máis, o miolo do evento centrarase no recinto (deseñado por Santiago Calatrava) de Feria Valencia, entre o 23 e o 29 de xullo, concentrando baixo un mesmo teito ós internautas que contaron coa sorte (e máis a paciencia) de inscribirse (internautas que o ano pasado chegaron á cifra de 6.900) e a todos aqueles (os máis) que non tiveron a oportunidade de facelo: participantes non oficiais, seareiros da informática en xeral, curiosos, usuarios e, asemade, xente con tempo de lecer abondo para quen ver a 7.000 internautas en liña é máis interesante que gozar dunha xornada de praia.
Se cadra un dos puntos máis salientables desta edición da Campus Party (considerada a festa desta índole máis importante do mundo) sexa o interese da organización por darlle azos ó software libre e a todo o que elo significa (menos barreiras para acceder ás novas tecnoloxías). Neste senso, a aposta da Campus polo código aberto como vieiro de futuro para o desenvolvemento da Sociedade da Información no Primeiro, no Segundo e (sobre todo) no Terceiro Mundo, pasa por incrementar o número de actividades que xiran arredor desta cuestión, incluíndo obradoiros, concursos de criptografía e seguridade. A Campus Party contará coa presenza de senlleiros representantes do software libre a nivel mundial, como Jon “Maddog” Hall, Marcello Tosatti e Mark Shuttleworth.