Roland presenta unha aplicación de gravación multi-cámara para iOS

mércores, 11 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O fabricante de instrumentos musicais e produtos de vídeo profesional Roland aproveitou a presentación dos novos iPhone para dar a coñecer a súa nova aplicación para iOS, 4XCamera Maker, que busca servir como ferramenta para creadores de vídeo que queiran empregar os seus dispositivos móbiles para gravar, editar e publicar vídeos atractivos sen precisar de caro equipamento de vídeo e mesmo dun ordenador persoal. Esta aplicación pode descargarse de balde e desbloquearse mediante o pagamento de só 3,49 euros (aínda que para usuarios do GO:MIXER ou do GO:MIXER Pro a aplicación será de balde).
A aplicación 4XCamera Maker permite realizar gravacións multi-ángulo con até 4 dispositivos con iOS, e unha vez capturado o vídeo pode transferirse a un dispositivo mestre no que poder realizar a selección de cámara, recortar vídeo, incorporar transicións, dividir a pantalla amosando varios ángulos e, en definitiva, realizar unha edición profesional sen ter que realizar múltiples tomas, e todo directamente dende o móbil, facilitando así o compartir os contidos en redes sociais ou entre os participantes nas gravacións.
Aínda que esta ferramenta pode resultar práctica para moitos perfís de usuario, Roland deseñouna pensando na gravación de interpretacións musicais, polo que incluso conta con funcións de colaboración a través da nube (permitindo que músicos espallados polo mundo poidan realizar achegas a un mesmo proxecto).

PUBLICIDADE