Rufus fai doada a instalación de Windows 11 en equipos non soportados

luns, 11 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A aplicación de creación de unidades de disco auto-arrancables máis popular actualmente, Rufus, estreou estes días unha proba do que será a versión 3.16 desta ferramenta tan práctica, e que destaca por mellorar o soporte de Windows 11 e, moi especialmente, por contar cunha opción de instalación na que a propia utilidade desactiva os requisitos de RAM, Secure Boot e TPM 2.0 do sistema operativo de Microsoft, de xeito que practicamente pode instalarse sen problema en calquera equipo relativamente moderno.
Deste xeito, con Rufus 3.16 BETA 2 podemos crear unha unidade USB que poida arrancar de xeito automático ao iniciar un equipo informático para así instalar Windows 11 en equipos que Microsoft non soporta oficialmente, operación que deste xeito sería moi doada de facer, aínda que cómpre lembrar que é baixo a responsabilidade do usuario, xa que Microsoft non garante o bo funcionamento do seu sistema operativo en equipos que non cumpran co indicado. Loxicamente o hardware non soportado non recibiría actualizacións, o que pode ser un problema no futuro, de aí que o máis recomendable sexa manterse en Windows 10 de non contar con equipos que poidan actualizarse automaticamente dende Windows Update.

PUBLICIDADE