Sae a versión definitiva do Internet Explorer 7

xoves, 19 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Microsoft, tras varias versións de probas, vén de publicar a versión definitiva do Internet Explorer 7, que constituiría a máis importante mellora do navegador da compañía de Redmond dende 2001, e que destaca polas súas facilidades de uso e polo sistema de prevención de fraudes on-line.
O Internet Explorer é o navegador máis utilizado de todo o mundo (con máis do 86% dos usuarios), polo que esta actualización terá repercusión global, e podería forzar ó redeseño de múltiples páxinas web (distintos deseñadores xa levan meses alertando de fallos en algúns deseños que se descompoñen no novo navegador) pero que será benvido para os usuarios, pois integrará un buscador no navegador Miniaturas das webs actuais dende IE7(que consultará o servizo Windows Live pero que se poderá configurar para buscadores coma Google), bloqueará as fiestras emerxentes, permitirá navegar en pestanas... en definitiva, que achegará moitas das prestacións que popularizaron ó navegador Mozilla Firefox, polo que o Explorer terá agora unha boa baza para enfrontarse ó navegador baseado en código aberto que tamén se renovará nos vindeiros días (con lanzamento do Firefox 2.0, que vén de sacar a súa Release Candidate 3).
Os usuarios de Windows XP poderán dispor en breve do novo navegador, que acaba de saír na súa versión inglesa e nos vindeiros días tamén estará dispoñible en español, e será un dos principais adiantos do que será o Windows Vista.
A actualización do navegador de Microsoft pódese descargar da web, pero os usuarios que teñan activada a opción de actualizacións automáticas de Windows XP terán o novo navegador automaticamente, polo que nos vindeiros días moitos usuarios van levar unha grata sorpresa ó comezar a navegar pola Rede.
O IE7 incorpora lector de fluxos RSS