Samsung deixa de vender portátiles en Europa

martes, 23 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos estase a converter nalgo habitual ver que marcas cunha forte presenza no mercado dos ordenadores persoais deciden abandonar o segmento, nalgúns casos cedendo as súas marcas a terceiros (como foi o caso de IBM e Sony), e afondando nesta liña de actuación sorpréndenos agora a propia Samsung, compañía que vén de decidir deixar de vender ordenadores portátiles (tanto cos seus Ativ con Windows como o seus Chromebooks) en Europa.
Non é ningún segredo que nos últimos anos as vendas de ordenadores persoais caeu substancialmente, en boa media pola emerxencia doutros dispositivos como os smartphones e os tablets, polo que as compañías teñen que adaptarse á demanda do mercado, e no caso de Samsung optaron por abandonar o mercado dos portátiles en Europa, incidindo en que tal decisión non afectaría polo momento a outros territorios. Polo momento descoñécese as repercusións que terá esta decisión na compañía, pero previsiblemente virá acompañada por unha redución do seu cadro de persoal e estrutura de custos en Europa.