Santiago acolle a partir deste luns un encontro de empresarios galegos (e do mundo) na Internet

venres, 18 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) vai organizar do 21 ó 25 de xaneiro en Santiago unha actividade encamiñada a establecer ligazóns máis fortes entre os empresarios da nosa terra e/ou vinculados á nosa terra, favorecendo o intercambio de coñecemento e, en última instancia, a innovación. Por certo que as ditas ligazóns, tratándose como se trata do I Encontro de Empresarios Galegos en Rede, serán primordialmente dixitais.
Máis polo miúdo, o gran obxectivo da xuntanza é reforzar a rede virtual Galicia Exterior e “establecer alianzas comerciais, tecnolóxicas e profesionais, amais de promover investimentos individuais ou conxuntos”, sinala o IGAPE, quen contará na organización coa axuda da Fundación Galicia Emigración, entre outras entidades.
O programa da xuntanza vai encamiñado a deixar pegadas fondas entre os participantes, de aí a súa extensión temporal e temática. Non en van, serán ata cinco días de relatorios especializados, paneis sectoriais e visitas ás empresas.
O encontro dá comezo este luns ás 9.30 no Pazo de Congresos de Galicia en Santiago perante a presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e o conselleiro de Económica, José Ramón Fernández.