Santiago acolle os días 28 e 29 de setembro o primeiro Foro de Comunicación e Ciencia

martes, 25 de setembro do 2007 Raquel Noya

Con motivo do primeiro Foro de Comunicación e Ciencia, destacados expertos da divulgación científica e profesionais da comunicación vanse dar cita en Santiago de Compostela os vindeiros 28 e 29 de setembro no Auditorio da Facultade de Comunicación da cidade.
O devandito Foro, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, conta con máis dun cento de inscritos, entre profesionais do xornalismo e do mundo científico, polo que se convertirá nun punto de encontro e de debate sobre o papel da comunicación científica na sociedade actual.
O obxectivo destas xornadas é favorecer o contacto e o coñecemento mutuo entre xornalistas e científicos así como convencer ós científicos sobre a necesidade de comunicar e proporcinonarlle as ferramentas básicas para levar a cabo esta actividade no día a día.
Por outra banda, o Foro tamén servirá para interesar ós xornalistas pola comunicación da ciencia e facilitarlle os instrumentos axeitados para tratar adecuadamente este tipo de información así coo amosar experiencias de éxito no ámbito da comunicación científica.
Neste foro participarán profesionais como Gemma Revuelta, Francisco Díaz-Fierros, Fernando Bouzas, José Pardina, Thomas Tyden, Carolina Moreno, Jorge Mira, Alicia Rivera, Luis Álvarez Pousa, Ronald Smallenburg, Anna Maria Fleetwood e Erik Tunstad, quen abordarán diversos aspectos sobre a importancia da comunicación e da divulgación científica.

PUBLICIDADE