Santiago mergúllase na innovación europea a prol das smart cities

luns, 12 de marzo do 2018 Redacción

O proxecto europeo Smarter Together, no que se integra Compostela como cidade seguidora, celebrou os días pasados en Viena a súa asemblea xeral. A xuntanza, na que participou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, serviu para avaliar o desenvolvemento do programa, que xa leva dous anos en activo e que ten o obxectivo de compartir coñecemento útil e experiencias e converter as urbes participantes en cidades intelixentes grazas ao aproveitamento das novas tecnoloxías da información. Na cita, Duarte salientou a oportunidade que supón o grupo “para coñecer proxectos desenvolvidos noutras cidades, que agora queremos introducir en Compostela”.
Entre estes proxectos atópase a chamada “calefacción de barrio”, unha iniciativa que o Concello de Santiago estuda introducir na contorna de Pontepedriña para “acompañar as actuacións de rehabilitación enerxética e mellora da accesibilidade nos edificios da ARI”. O edil tamén valorou moi positivamente “a aprendizaxe obtida das cidades faro”, e que “poderemos utilizar en retos que ten Santiago como a xestión de servizos innovadores en áreas con importantes restricións por motivos patrimoniais”.
Volvendo aos retos que se propón Smarter Together, sinalar que as súas áreas de traballo son: información local a a gran escala (Big Data), plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sustentábel, district heating e enerxías renovábeis. Compostela é socia do proxecto como cidade seguidora, xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas “cidades faro”, que son Lyon, Múnic e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 20120.

PUBLICIDADE