Seresco celebra o 50 aniversario da súa actividade en Galicia

mércores, 13 de setembro do 2023 S. P.

Seresco, compañía española especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital de empresas e organismos públicos, conmemora estes días o 50 aniversario da súa actividade no mercado galego. A empresa celebrará esta efeméride este venres 15 en Vigo na compaña de AMTEGA, o Círculo de Empresarios de Galicia, a UVigo, o centro atlantTIC ou Gradiant, entre outras empresas, entidades e centros tecnolóxicos da nosa terra.
Fundada en Asturias en 1969, abriu as portas da súa sede en Vigo no ano 1973, convertendo a Galicia na primeira delegación da tecnolóxica decana a nivel nacional. Ao longo destes 50 anos, Galicia e Seresco creceron da man e evolucionado grazas ao desenvolvemento tecnolóxico. No ano 1977, a compañía abriu unha oficina na Coruña, extinta a día de hoxe, e un centro de formación en Vigo, o cal, segundo lembra a propia compañía, “converteuse no primeiro espazo educativo no que cursar unha titulación superior en Informática na comunidade”. Estivo en activo ata principios dos anos 2000.
“Para nós Galicia supón unha praza clave”, explican dende a empresa, poñendo o foco no papel que xoga a sede galega de Seresco como “motor de cambio e centro de innovación para proxectos de carácter nacional e internacional, xa que, desde os comezos en Galicia, Seresco forxou unha sólida relación co tecido empresarial da zona, entre o que destaca por riba dos demais o sector primario”. Dende Galicia, sinalan, “levamos a cabo grandes innovacións en materias como a agricultura de precisión e a dixitalización de procesos, o que permite ás empresas, autónomos ou pemes realizar o seu traballo dunha maneira máis sinxela”. Neste punto Seresco destaca a súa “ampla colaboración da administración pública galega”, quen confiou á tecnolóxica asturiana proxectos e iniciativas “de gran calado”, sendo algunhas adquiridas e empregadas polo Ministerio de Agricultura e outras comunidades autónomas.
“Esta sinerxía entre administracións e empresas locais”, engade a compañía, “non sería posíbel sen os 70 traballadores cos que conta Seresco en Galicia, comunidade que achega unha quinta parte da facturación total da compañía, cuxa cifra anual situouse nos 34 millóns de euros en 2022”.
Un evento para conmemorar 50 anos vinculados a Galicia
A tecnolóxica asturiana elixiu o Palacio da Oliva, en Vigo, como emprazamento para celebrar esta efeméride. Será alí onde o vindeiro venres 15 de setembro reúnanse os traballadores da compañía xunto co comité directivo, o consello de administración e os clientes da organización.
Conducido pola xornalista galega Gladys Vázquez, o evento reunirá na mesa de debate Desafíos e oportunidades na transformación dixital en Galicia a varios directivos de empresas e da administración pública, entre os que se atopan, Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na Xunta de Galicia (AMTEGA); María Borrás, vicepresidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Martín Llamas, catedrático da Universidade de Vigo e director de atlantTIC, así como Luis Pérez-Freire, director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant.
Un ano histórico para Seresco
A tecnolóxica, que empezou a cotizar en BME Growth en 2022, rexistrou un aumento da facturación en todas as actividades, sendo as áreas de nómina e recursos humanos, grazas aos servizos de outsourcing de nómina, os que congregan maior representatividade no volume de negocio anual.
Estas cifras achegan a Seresco aos obxectivos de negocio marcados, cuxa cifra de facturación sitúase próxima aos 70 millóns de euros en 2025, o que supoñerá duplicar o volume de negocio respecto a 2021. O plan tamén recolle elevar o EBITDA axustado dos dos 3,1 millóns de entón ata os 10,5 nun horizonte temporal de dous anos.
A compañía posúe unha carteira de máis de 2.200 clientes nacionais e internacionais e un investimento medio do 12% do negocio en I D i. Seresco ten centros de servizos en Madrid, Barcelona, Oviedo, Vigo, Porto e Lisboa. Fóra da península está presente en Latinoamérica e conta con preto de 800 empregados.

PUBLICIDADE