Siri xa é compatible con WhatsApp grazas a iOS 10

mércores, 14 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Os dispositivos móbiles de Apple comezaron a recibir onte a súa actualización a iOS 10, e aínda que moitos aínda están a afacerse aos cambios do sistema o que si agradecerán en moitos casos é que a aplicación de WhatsApp vén de actualizarse para poder aproveitar as funcionalidades que chegan a iOS, de xeito que por fin é posible empregar o asistente de voz Siri para enviar mensaxes ou iniciar unha chamada de WhatsApp, gozar dun widget que permite ir a unha conversa recente ou ver as conversas nas que hai mensaxes sen ler e responder a chamadas de WhatsApp co teléfono en repouso como se faría cunha chamada normal.
As funcionalidades mencionadas só chegarían aos iPhone actualizados a iOS 10, mentres que o resto de usuarios tamén poderán gozar algunha novidades máis como poder reenviar mensaxes a varias conversas á vez, poder ver as conversas máis frecuentes cando se reenvía ou comparte unha mensaxe e, ao tomar fotografías ou vídeo, ao premer dúas veces na pantalla poderase intercambiar entre a cámara frontal e a traseira.