Skype para o escritorio estrea unha importante actualización

luns, 16 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe a renovación da aplicación de escritorio de Skype, que chega á versión 8.0, e para poder continuar a mellorar ofrecendo unha boa experiencia a todos os usuarios, suporá a adeus á versión 7.0 de Skype, que deixará de funcionar despois do vindeiro 1 de setembro.
Con Skype 8.0 podemos gozar de balde de conversas en vídeo en Full HD con até 24 persoas (podendo ser o vídeo da cámara do noso dispositivo ou unha pantalla compartida); permite mencións (ou sexa, que se citamos a alguén cunha @ antes do seu nome dentro dunha conversa, recibirá unha notificación; integra unha galería de medios nas conversas (ou sexa, que podemos explorar as ligazóns, ficheiros e fotografías que intercambiamos nunha conversa); e permite arrastrar á fiestra das conversas fotografías, vídeos e outros documentos para compartilos (até un tamaño máximo de 300 MB).
Pero a estas funcionalidades uniranse moitas outras nos vindeiros meses, como confirmacións de lectura, conversas privadas (con cifrado de texto, audio e ficheiros mediante o protocolo Signal), invitacións de perfís (podemos compartir o noso perfil de usuario cunha persoa que aínda non estea en Skype, para que se una a nós a través desta aplicación), ligazóns de grupos (os grupos novos poderán xerar ligazóns para convidar a outros usuarios a unirse) e unha opción moi esperada dende hai moito, a posibilidade de gravar chamadas de Skype (o vídeo das conversas poderá gravarse na nube, indicándose a todos os usuarios que tal función está activa).
Recoméndase actualizar a aplicación á última versión, para ir familiarizándose coas novidades, en vez de esperar a que a actualización sexa forzosa.

PUBLICIDADE