Sony non prevé perder moitos cartos co lanzamento da PS4

xoves, 9 de maio do 2013 Marcus Fernández

O mando DualShock 4 correspóndese coas imaxes filtradas nos últimos díasTras varios anos cunhas perdas históricas, Sony comeza a remontar, e anuncia que pechou o seu último ano fiscal cuns beneficios de 43.000 millóns de iens (cando no exercicio anterior perdera 456.700 millóns de iens) e pese a que estamos no ano no que van lanzar ao mercado a PlayStation 4 confían en acadar un beneficio duns 50.000 millóns de iens no actual exercicio.
Cómpre lembrar que a PlayStation 3 foi un dos grande sumidoiros de cartos da compañía nipoa, pois Sony teimou en introducir na mesma un lector de discos Blu-ray e un complexo procesador Cell, o que encareceu moito o produto, retrasou o seu lanzamento (dándolle unha vantaxe competitiva a Microsoft, que conseguiu dominar o mercado norteamericano coa súa Xbox 360) e forzou á venda das consolas a un prezo que durante varios anos non cubría os seus custos de fabricación.
De feito, ao presentar os resultados económicos de Sony, o seu director financeiro, Masaru Kato, fixo unha mención explícita a que “non prevemos grandes perdas co lanzamento da PS4”, engadindo que para a nova consola aproveitaron tecnoloxía existente en vez de ter que desenvolver tecnoloxía nova, o que permite un importante aforro de custos. Pero dende Sony non se atreven a adiantar previsións de vendas para a PS4 e tampouco detallan a cantidade que perderán con cada consola vendida, pois parece inevitable que unha consola doméstica véndase a perdas nos primeiros meses para facilitar a súa penetración no mercado.
O que si prevén é unha mellora nas vendas da PS Vita, portátil que xa baixou de prezo no Xapón, aínda que a súa acollida internacional continúa a ser moi tímida, estando considerada como unha consola irrelevante, especialmente se a comparamos coa Nintendo 3DS.