Sony podería presentar dous novos modelos de PS4 dentro dun par de semanas

luns, 22 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Imaxe do que podería ser a futura PS4 Slim

Durante a pasada fin de semana xurdiron nunha páxina web de poxas imaxes dun posible redeseño da PlayStation 4, máis delgado, ou sexa, unha previsible PS4 Slim, que aparte de ter un grosor inferior, tamén luciría bordes redondeados, pero aínda que a posibilidade de que estas imaxes sexan unha andrómena, resulta curioso que poucas horas despois da súa publicación dende The Wall Street Journal aseguran que Sony non só lanzaría este ano unha PlayStation 4 de alta gama (a rumoreada PlayStation 4 Neo ou PS4K) senón tamén un modelo normal máis delgado.
As novas consolas presentaríanse ao público o vindeiro 7 de setembro, data para a que Sony ten programado un acto en New York, que poderá seguirse mediante streaming a nivel mundial, e que, sen que dean máis detalles, parece ser un evento para a presentación de hardware de cara á campaña de Nadal.
Este novo panorama vai ser bastante interesante, xa que Microsoft xa lanzou este verán a Xbox One S (versión renovada da súa consola, que contaba cun deseño máis compacto e compatibilidade con contido 4K), de xeito que quedaría nun punto intermedio entre as dúas novas consolas de Sony (xa que a PS4 Slim só sería máis potente, mentres que a PS4 Neo si soportaría contidos en 4K, pero tería bastante máis potencia para un mellor comportamento con contidos de realidade virtual).
Pola súa banda, dende Microsoft queren pór a venda antes da ferida, e insisten en que para a campaña de Nadal de 2017 van pór á venda unha renovación da Xbox One que polo momento coñecese como Scorpio, e que sería a consola de videoxogos máis potente creada nunca, cunha potencia suficiente como para poder competir na reprodución de contornos de realidade virtual cos ordenadores actuais (o que faría que o seu prezo fose bastante elevado), de xeito que a incerteza ante o futuro do lecer electrónico e do éxito da realidade virtual poderían ser un elemento disuasorio da compra de novas consolas durante os vindeiros meses, resultando máis prudente para os que xa teñan consolas de nova xeración agardar a que se vexa como reacciona o mercado agora que as tecnoloxías de realidade virtual inician o seu despegue comercial.
ACTUALIZACIÓN: Xorde un vídeo que presenta a suposta PS4 Slim que se ofrecía en poxa, confirmando que é un produto real:

PUBLICIDADE