Sony recoñece as virtudes da Nintendo Wii, pero sostén que a PS3 é moito máis que unha videoconsola
xoves, 7 de decembro do 2006
Se ben as consolas PlayStation e PS2 de Sony foron as líderes do sector durante anos, a PS3 podería non correr a mesma sorte, e a compañía nipona xa está a redirixir a súa estratexia comercial, de xeito que destacan as prestacións multimedia da súa nova consola e anuncian que nas vindeiras versións tamén apostarán polo uso coma Media Center.
Así, podemos ler as declaracións de xente coma Nic Foster, que non dubida en declarar que a Nintendo Wii “é máis divertida” porque segundo el se trata de unha simple videoconsola, mentres que a PS3 é moito máis, e non só conta coa baza dos xogos, senón que achega a alta definición ó salón da casa mediante as películas en discos Blu-ray, e tamén permite acceder a música e fotografías, permitindo tamén a interacción coa consola PSP.
Dende Sony pensan que incluso será frecuente que haxa consumidores que merquen tanto a Nintendo Wii como a PS3, pois consideran que non son produtos excluíntes, de xeito que a unha mesma persoa lle poden atraer características de ambas consolas.
Ademais, destacan que a consola de Sony é a que ten máis futuro (xa que está baseada na última tecnoloxía dispoñible) e defenden a súa estratexia de comercialización, posto que agardaron a poder integrar o Blu-ray na súa consola en vez de facer o mesmo que Microsoft, que lanzou a Xbox 360 cun ano de antelación e agora os usuarios poden incorporar o sistema HD DVD coma un compoñente externo, o que crea un mercado pouco homoxéneo e confuso para os xogos (que terán complicado o salto ó formato de disco de alta definición).
De cara ó futuro dende o fabricante xaponés advirten que a guerra das consolas non rematará no Nadal, polo que quedarán moitos meses de pugna, que incluso se podería prolongar durante anos, xa que Sony conta con que esta xeración de consolas se manteña ata 2010.
