Splash, unha nova aplicación para crear vídeos de 360 graos co iPhone

martes, 15 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A chegada da realidade virtual ten moitas frontes abertas, xa que non só hai que decidir entre numerosas tecnoloxías de visualización, senón tamén de gravación e creación de contidos, oportunidade que aproveitaron dende a compañía berlinesa Viorama para crear Splash, unha aplicación para iPhone que permite crear vídeos en 360 graos valéndose unicamente do smartphone, de xeito que o usuario só ten que rexistrar anacos de vídeo do que ve ao seu redor para compor un Splash, que será un contorno envolvente que poder compartir nas redes sociais e que logo poder visualizar de xeito inmersivo en sistemas de realidade virtual incluíndo tecnoloxías tan rudimentarias coma o cartón de Google.
Esta nova aplicación vén a ser unha especie de mestura entre Periscope e Snapchat, pero con imaxes e vídeos aplicados aos 360 graos, no que poderiamos considerar como a evolución das fotografías panorámicas tomadas co móbil.
O vídeo en 360 graos está considerado como o primeiro paso cara á realidade virtual, e facilitar a produción de contidos con esta tecnoloxía pode conseguir unha boa acollida nun momento no que o público sinte interese por unha tecnoloxía con moito potencial, aínda que haberá que ver se os contidos están finalmente á altura e non acontece o mesmo que co 3D (que aínda que se mantén nos cines, perdeu todo o seu pulo no ámbito doméstico).

Vídeo co que podemos facernos unha idea de como se captura un Splash