Spotify chega aos visores Meta Quest

xoves, 24 de xullo do 2025 Redacción

Spotify estrea oficialmente a súa aplicación para Meta Quest, permitindo que os usuarios gocen das súas cancións, listaxes de reprodución e podcasts favoritos directamente desde un visor de realidade virtual, o que supón un paso máis na integración entre contidos inmersivos e plataformas de audio dixital.
A aplicación de Spotify en Meta Quest permite reproducir música, controlar o volume ou cambiar de pista sen interromper a experiencia de xogo ou calquera outra actividade virtual, facendo que a inmersión sexa aínda máis completa. A ferramenta funciona dun xeito semellante á versión para ordenador, pero adaptada ao entorno tridimensional e multitarefa da realidade virtual.
Entre as funcións destacadas están a posibilidade de crear e xestionar listaxes de reprodución, descubrir novos temas a través de recomendacións personalizadas como a lista semanal Descubrimento Semanal, e ver ou escoitar videopodcasts mentres se realizan outras accións no contorno virtual, como xogar, facer exercicio ou pintar.
Con máis de cen millóns de cancións, preto de sete millóns de podcasts e máis de 350.000 audiolibros dispoñibles, a integración de Spotify en Meta Quest promete abrir «un novo mundo de audio na realidade virtual», segundo a compañía. A aplicación permite tamén minimizar a interface sen deter a reprodución, facilitando a súa utilización en segundo plano.