Steve Jobs abre o WWDC presentando o novo Mac OS X

luns, 11 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Este luns comezou en San Francisco a WorldWide Developers Conference na que Apple presenta as súas novidades para os desenvolvedores para a súa plataforma informática, de xeito que se puideron ver dende demostracións de xogos para Mac OS X coma os de Harry Potter, Madden 08 ou Tiger Woods 08 ata as últimas características engadidas ó Mac OS X 10.5 (Leopard).
Steve Jobs encargouse de presentar o novo Mac OS X, para o que comezou lembrando o éxito da versión actual (Tiger) que conta con 22 millóns de usuarios activos. Jobs amosou o novo Dock en 3D, a nova interface de lanzamento de aplicacións, a incorporación de CoverFlow no Finder (ou sexa, que integra un explorador semellante ó que hai en iTunes), QuickLook para poder previsualizar ficheiros sen ter que abrir ningunha aplicación adicional (con só premer a barra espaciadora), un uso completo dos 64 bits que fai que se podan abrir imaxes de ata 4 Gb de tamaño (permanecendo completas en memoria, como se puido ver durante unha demostración), intégrase Bootcamp (que permite empregar aplicacións Windows de xeito nativo), renóvase completamente o iChat, melloras no sistema de copias de seguridade e de recuperación de ficheiros borrados e ata un total de 300 novidades nesta nova entrega do Mac OS X que chegará no mes de outubro.
Adiantos sobre o iPhone
Pero Steve Jobs non só falou do Leopard, senón que tamén comentou que están a preparar un sistema de desenvolvemento de aplicacións para o iPhone, engadindo que grazas ó motor de Safari (o navegador de Apple) e das súas capacidades AJAX será posible desenvolver aplicacións web 2.0 que se verán como auténticas aplicacións nativas do iPhone, o que permitirá facer aplicacións para o novo móbil de Apple dun xeito moi doado.