Suspéndese a edición de 2020 do congreso Mundos Digitales

venres, 8 de maio do 2020 Marcus Fernández

Mundos Digitales é un importante foro no que poder ver en persoa as últimas innovacións do sector

A complicada situación provocada pola pandemia levou á organización do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media que dende hai preto de dúas décadas vénse celebrando na cidade da Coruña, Mundos Digitales, a verse na obriga de suspender a edición deste ano prevista entre os días 9 e 11 de xullo, ante a imposibilidade de poder garantir a seguridade de todos os asistentes, relatores e resto de persoas involucradas neste evento internacional.

Durante os últimos anos colleu moito peso a feira de emprego que se desenvolve durante Mundos Digitales, e que contribúe claramente á dinamización do sector

Aparte das dificultades para poder celebrar con seguridade un evento de participación masiva, tamén existe unha grande incerteza sobre as restrición de circulación de persoas, o que podería ser un grande atranco para os asistentes e relatores que veñen de fóra de España, incógnitas que fai imposible prever en que condicións podería celebrarse o congreso en xullo, o que levou á súa anulación.
Dende a organización de Mundos Digitales aseguran tomar esta decisión por causas de forza maior, ou sexa, que o seu compromiso polo sector permanece inmutable, e comezan xa a traballar na edición de 2021 do evento, á vez que procurarán involucrarse en iniciativas que estean ao seu alcance para axudar a saír da presente crise á industria dos contidos dixitais.

Vídeo musical compartido pola familia de Mundos Digitales para chamar á responsabilidade durante a pandemia

PUBLICIDADE