Tamar Novas participará na vindeira edición de SINFILTRO

luns, 12 de xuño do 2023 Redacción

O faladoiro SINFILTRO de Marcelo Castelo celebrará unha edición un tanto diferente o vindeiro 22 de xuño na sede Afundación da Coruña, xa que este evento que pretenderá achegarse de xeito asumible e divertido ao impacto da intelixencia artificial nas nosas vidas, pecharase cunha conversa de Castelo coa produtora Emma Lustres (Vaca Films) e o actor Tamar Novas.
Esta nova edición de SINFILTRO comezará coa presentación do barómetro Estado da situación emocional do tecnólogo en España, contando coa presenza de Fernando Suárez, presidente do Consello Superior de Enxeñeiros Informáticos de España, e Alberto García López, director xeral de CIE.
Despois da presentación a catedrática Amparo Alonso impartirá un relatorio titulado Cara onde imos? Humanidade, ética e intelixencia artificial, ao que seguirá unha mesa redonda na que participarán tamén Sergio Peinado (Correos), Luís Martín (Selenta Group), Tomás Carbonell (Puig), Javier Mallo (Leroy Merlín) e Nacho Santillana (Concello de Barcelona).
Para poder acudir á cita é preciso inscribirse previamente, sendo a asistencia totalmente de balde.