Technium R Encounter muda de espazo e medra en velocidade de acceso á Rede

luns, 29 de abril do 2019 Redacción

Imaxe da pasada edición da Technium R Encounter

A party galega Technium R Encounter celebrará a súa edición vindeira edición entre os días 3 e 5 de maio estreando recinto, xa que nesta sétima convocatoria trasládase a Expourense, e tamén multiplica por 10 a velocidade de conexión á Rede dos participantes. Ademais, contará cunha nova zona, aberta ao público e de acceso libre e de balde, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades tecnolóxicas.
Deste xeito, preto de 500 participantes tomarán parte nun evento sen ánimo de lucro organizado pola asociación Technium e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, de R e de Expourense. Os organizadores esperan que o novo espazo aberto ao público, denominado Extranet, tamén atraia centos de visitantes, xa que poderán acceder a conferencias gratuítas e zonas dedicadas ás impresoras 3D, os videoxogos e a realidade virtual.
Esta LAN party mantén a súa aposta por crear un punto de encontro para os amantes das novas tecnoloxías. Os participantes poderán tomar parte en torneos competitivos de eSport, e en competicións de arte dixital, hardware, ou software libre, entre moitas outras actividades lúdicas e formativas.
O billete dá dereito a un espazo propio con conexión eléctrica e Internet, e haberá habilitadas zonas de acampada. O prezo dos billetes para toda a party é de 32 euros, pero tamén haberá billetes para un día, ao prezo de 10 euros.

Torneos de eSports, talleres de robótica e un dummy espacial

Desde o xoves 3 de maio ás 18:00 horas até o domingo, a Technium R Encounter albergará diferentes torneos de eSports, como League of Legends, Counter Strike, Hearthstone, Overwatch, FIFA19, Super Smash Bros, Dragon Ball FighterZ, Just Dance, Old School Games e xadrez.
Nesta edición potenciaranse as actividades formativas, con obradoiros e conferencias sobre temas de actualidade relacionados coas novas tecnoloxías. En concreto, Camp Tecnolóxico impartirá obradoiros informáticos para nenos e nenas, con actividades como a creación de tiras de luces LED ou a programación de robots, incluíndo a disputa dun partido de fútbol entre robots.
Pola súa banda, R leva á Technium deste ano a súa acción crea R, incluída no programa Digitalent 2020 da AMTEGA. Nos obradoiros, nenos e nenas aprenderán a programar para crear unha cidade prototipo e mentres, os adultos resolverán dúbidas e recibirán consellos sobre o bo uso das novas tecnoloxías da man dun pedagogo. Para participar é preciso inscribirse en liña.
Ademais, como o ano pasado, tamén estará nesta edición da Technium R Encounter o proxecto Hana Hamsternauta, que propón o lanzamento dun dummy ao espazo coa axuda dunha sonda e dun globo meteorolóxico para conseguir as mellores métricas e recuperalo posteriormente con vida.

PUBLICIDADE