Tecnópole e Uvigo xuntan forzas a prol da divulgación STEM

venres, 31 de maio do 2019 Redacción

A tecnoloxía e a ciencia abren unha manchea de posibilidades (formativas, laborais, persoais) para a xente nova, e co engadido extra de que adoitan a ser moi divertidas e enriquecedoras. Todos estes elementos xuntáronse onte na presentación da nova liña de colaboración entre a Tecnópole de Ourense e a Universidade de Vigo para impulsar a divulgación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a mocidade.
A posta en marcha deste programa acompañouse co lanzamento dun globo estratosférico por parte das alumnas e alumnos das Aulas Tecnópole, ao que asistiron a directora da axencia GAIN e conselleira delegada de Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), Patricia Argerey; o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa; e o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla.
A alianza entre o parque ourensán e a UVigo diríxese a xuntar forzas para achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos para incentivar habilidades e fomentar vocacións nestes eidos.
Respecto do lanzamento do globo á estratosfera (a capa da atmosfera que se estende entre os 10 e os 50 quilómetros desde a cortiza terrestre, lindeira co espazo exterior), levouse a cabo co obxectivo de para captar datos da Terra, facendo as funcións (o aparello) de sonda meteorolóxica (conta con sensores e cámaras instalados nunha caixa elevada, cos que recoller imaxes e datos de temperatura, presión e outros parámetros).

PUBLICIDADE