Telefónica dirá adeus ao 3G en 2025

luns, 11 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Levamos anos introducindo cada vez máis xeracións de telefonía móbil, conservando a cada paso as tecnoloxías anteriores, e agora que o 4G xa está consolidado, chega o momento de pensar en soltar lastre, e aínda que nun principio puidésemos pensar que podería prescindirse das redes 2G (que comezaron a operar en 1994) serán as 3G (introducidas en 2002) as que dirán adeus antes.
No caso de Telefónica atrévense a pór datas, e agora fixan no ano 2025 o apagado das súas redes 3G, pensando en que dificilmente quedarán móbiles operativos en 2025 que teñan 3G e non 4G. Curiosamente sobre as redes 2G prefiren non fixar datas de cesamento de uso, pois lembremos que o seu uso de frecuencias baixas consegue unha cobertura moi boa, o que pode resultar práctico para dispositivos conectados que non precisen dun grande largo de banda.
A desaparición das redes de telefonía móbil está a ser moi desigual no mundo, pois depende en boa medida das licenzas de telefonía das que dispoñan os distintos operadores, e curiosamente nos EE.UU. AT&T apagou as súas redes 2G hai un par de anos, facendo que teléfonos como o primeiro iPhone deixasen de poder utilizarse para realizar chamadas e conectarse á Rede.

PUBLICIDADE