Telefónica e Yoigo discuten polo uso da rede HSPA+ coas novas tarifas
luns, 2 de xullo do 2012
A comezos do pasado mes de xuño, Yoigo sorprendía
a clientes e non clientes cunha atractiva oferta de chamadas nacionais sen
límite de minutos e ata 1 Gb de transferencia de datos, entre outras vantaxes,
que fixo chamar Tarifa infinita, e
que por 30 euros ó mes + IVE tiña previsto acaparar usuarios a esgalla das 3
operadoras nacionais principais.
Porén pouco lle durou a alegría á
operadora filial de TeliaSonera, que nos últimos días vén
de enfrontarse con Movistar polo uso que se está a facer das redes móbiles
HSPA+ coa devandita tarifa.
Segundo lemos en CincoDías.com,
Telefónica enviou un requirimento notarial no que lle esixía a Yoigo que
cumprise estritamente o contrato asinado por ambas partes no uso das
infraestruturas móbiles, advertindo que mesmo se podía cortar o servizo con
esta tecnoloxía se persistía o presunto incumprimento contractual.
Segundo parece, coa adopción
destas tarifas por parte dun número elevado de clientes, estase a producir unha
sobrecarga nas redes de HSPA+ e dende Telefónica ven necesario “sentarse a renegociar o contrato para dar
máis capacidade á rede”.
Pola súa parte, a cuarta
operadora nacional de telefonía, Yoigo, sinala que a discusión vén dada pola
dúbida de se a tecnoloxía HSPA+ está incluída no contrato con Telefónica ou
non, e neste senso indican que si, “ao
ser unha evolución máis avanzada da tecnoloxía HSPA”.
Os ánimos están acendidos, e
Yoigo, que considera “unha medida
durísima” o corte do servizo co que “ameaza”
Telefónica, mesmo decidiu poñer o caso en coñecemento da Comisión do Mercado
das Telecomunicacións (CMT) e pediu unha resolución preventiva.
Esta autoridade reguladora, que
ten previsto analizar a disputa nos vindeiros días, vai instar a ámbalas dúas
partes a tratar de chegar a un acordo, e no caso de non arranxar o altercado,
verase na obriga de intervir para tomar unha decisión que prexudique o menos
posible aos clientes das dúas compañías.
