Telefónica estrea rede 5G no Reino Unido

xoves, 17 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Cando Vodafone estreou a súa rede comercial 5G no mes de xuño, o resto de operadores manifestaron a súa intención de non apostar por esta tecnoloxía comercialmente até 2020 por considerar que era demasiado cedo para levar esta tecnoloxía aos consumidores finais. Entre os operadores que aseguraban que serían prudentes coa tecnoloxía 5G estaba Telefónica, que curiosamente no Reino Unido non quixo agardar ao ano que vén, e a través do operador O2 estreou hoxe rede 5G cun novo marco de tarifas (que inclúen unha tarifa con datos ilimitados) sen incremento de prezo fronte aos seus equivalentes en 4G.
A rede 5G de O2, despregada en colaboración con Ericsson e Nokia, estréase en Belfast, Cardiff, Edinburgo, Londres, Slough e Leeds, centrándose especialmente nas zonas con maior concentración de usuarios, e prometendo chegar a un total de 20 localidades antes do remate do presente ano e a 50 no verán de 2020.
Os smartphones con 5G que venderá O2 en Reino Unido serán o Samsung Galaxy S10 5G, o Samsung Galaxy Note10+ 5G, o Samsung Galaxy A90 (5G) e o Mi MIX 3 5G de Xiaomi. Curiosamente, para os que adquiran algún modelo de iPhone 11 (dispositivo para o que non existen variantes con soporte de 5G) cunha tarifa ilimitada (ou con 90/120 GB de datos) ofreceranlle un desconto de 100 libras se optan por renovar o seu iPhone en 2020.

Vídeo promocional do lanzamento do 5G de O2 no Reino Unido

PUBLICIDADE