Telefónica informa que levará fibra óptica a 60.000 fogares de Vigo

mércores, 10 de abril do 2013 Redacción

Recanto da área histórica de Vigo/ Imaxe: Inmobiliaria Ares

Tal e como avanzamos hai uns días no máis recente reconto galego de obxectivos acadados e previsións de Telefónica, a operadora ía mover ficha de xeito inminente en Vigo. En realidade, comezará a facelo os vindeiros días, a través dun proceso de achega de infraestruturas e equipamentos que a compañía debullou este mércores nos seus detalles máis concretos. Para entrar en materia, dicir que o proceso collerá corpo a través dunha iniciativa de despregue de Fibra Óptica ata o Fogar (FTTH) na cidade galega, un plan que ao longo de este ano levará, en palabras de Telefónica, a dita tecnoloxía de transmisión ultrarrápida de datos a 60.000 domicilios vigueses.
O investimento de Telefónica no despregamento está valorado en 8 millóns de euros e xerará uns 100 postos de traballo, engade a compañía, que salienta que estes traballos e as consecuentes vantaxes de conexión converterán a Vigo “na primeira cidade de Galicia e unha das primeiras de España en dispor desta tecnoloxía de forma masiva, e permitindo dispor dunha infraestrutura que poderá soportar todos os enormes avances e a demanda de banda larga que se prevé nas vindeiras décadas”. Telefónica tamén nos lembra que non se trata da primeira vez que se fornece á cidade destas infraestruturas. De feito, tal e como sinalamos en Código Cero, en xullo de 2010 inaugurouse unha achega da dita tecnoloxía limitada a 1.213 vivendas do polígono de Navia. Daquela instaláronse 778 quilómetros de fibra óptica e, na central do Castro, a primeira cabeceira galega de fibra ata o fogar con equipos activos con tecnoloxía GPON (Gigabit Passive Optical). Lembrar, para que non o saiba, que as velocidades por usuario que subministra a tecnoloxía FTTH non se limitan ao que poden achegar ao comezo do servizo (a oferta comercial actual é de 100 Mbps). De feito, segundo recorda Telefónica, as velocidades futuras son ilimitadas, tanto as de baixada como as de suba (son simétricas, unha das grandes vantaxes desta tecnoloxía). Respecto aos prezos deste servizo, dicir que a partir do vindeiro luns, a compañía vaino comercializar a un prezo de 29,90 euros ao mes. “No mundo”, explica a operadora, “Xapón e Estados Unidos lideran o despregamento e uso desta tecnoloxía, e en Europa, principalmente, os países nórdicos”.