Telefónica inviste 8 millóns para levar fibra até 60.000 fogares do núcleo urbano de Vigo

venres, 21 de xuño do 2013 Redacción

O director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, reuniuse co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para presentarlle os plans de despregamento na cidade galega de fibra de telecomunicacións até o fogar (tecnoloxía FTTH, Fiber To The Home). Os traballos para instalar a nova rede, que xa están en marcha), suporán, en palabras de Alonso, “un investimento de 8 millóns de euros, a xeración de 100 empregos e o subministro a máis de 60.000 fogares do núcleo urbano da tecnoloxía máis avanzada que existe actualmente no mercado para transmisión de datos”. En total, engadiu, despregaranse máis de 70.000 quilómetros de fibra por toda a cidade.
Na súa conversa tamén se tratou a cuestión do traballo feito até o de agora, que xa rematou nalgunhas áreas, como por exemplo no polígono do Caramuxo, onde Telefónica dará a coñecer as vantaxes que a devandita tecnoloxía achega para as empresas alí emprazadas (o acto desenvolverase o xoves 27 de xuño no Hotel Hesperia).
Alonso e Caballero acordaron tamén establecer mecanismos de coordinación entre Telefónica e o Concello para que as obras molesten o menos posible aos cidadáns. De feito, a operadora sinalou que está a darlle prioridade ao despregamento a través das conducións xa existentes, para reducir desta maneira ao máximo o traballo a pé de rúa. Segundo engadiu, a extensión de fibra óptica até o fogar prolongarase ao longo das vindeiras semanas, “convertendo a Vigo nunha das primeiras cidades de España en dispor desta infraestrutura que é quen de acadar velocidades infinitas de transmisión de datos, e que permitirá aos vigueses non só dispor dos servizos máis avanzados que se comercializan actualmente e dos que poidan desenvolverse nas próximas décadas”.

PUBLICIDADE